Inicio / Noticias / O DOG publica as bonificacións do 50% en horario nocturno nas peaxes das autoestradas A Coruña-Carballo e Puxeiros-Val Miñor, que comezarán a aplicarse o día 1 de outubro
24/09/2019 - 03:23
O DOG publica as bonificacións do 50% en horario nocturno nas peaxes das autoestradas A Coruña-Carballo e Puxeiros-Val Miñor, que comezarán a aplicarse o día 1 de outubro

Santiago de Compostela, 24 de setembro.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que se regula a bonificación da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57). Trátase dunha nova bonificación nocturna para as peaxes das dúas autoestradas autonómicas, que será de aplicación a partir do próximo día 1 de outubro en todos os traxectos que discorran polas mesmas entre as 12 da noite e as 6 da madrugada.

A publicación no DOG do decreto de aprobación dunha addenda ao convenio de colaboración existente entre a Xunta e Autoestradas de Galicia, que regula as subvencións das peaxes nas autoestradas AG-55 e AG-57, permite manter as bonificacións de peaxe para itinerarios frecuentes, de volta no mesmo día, e vese agora mellorado coas bonificacións en horario nocturno.

Segundo o previsto polo departamento de Infraestruturas da Xunta, a partir do 1 de outubro de 2019 implantarase esta nova bonificación, neste caso do 50% en horario nocturno, entre as 0:00 e as 6:00 horas de mañá, que se aplicará a todos os vehículos, lixeiros e pesados, que conten cun sistema de pago con telepeaxe.

Cómpre lembrar que na actualidade e desde o ano 2010, nestas autoestradas de titularidade autonómica aplícase xa nos días hábiles unha rebaixa do 25% do importe da viaxe de volta dun traxecto de ida e volta, que se incrementa nun 50% no segundo e posteriores viaxes de volta en ambas as dúas autoestradas co uso do Vía-T.

Coa sinatura da addenda autorizada polo Consello da Xunta o pasado día 5 de setembro, o importe estimado que deberá aboar a Xunta de Galicia á sociedade concesionaria neste ano 2019 por ambas bonificacións é de preto dun millón de euros.

Neste sentido, as autoestradas A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona dan servizo a centros de actividade económica como o Porto Exterior da Coruña, o polígono de Sabón e de Porto do Molle, que se verán beneficiados por esta medida. A medida aprobada pola Xunta quere promover o uso destas autoestradas en horarios nos que se atopa infrautilizada para mellorar a seguridade viaria.