Inicio / Noticias / O DOG publica hoxe a aprobación do proxecto construtivo para a mellora da seguridade viaria na estrada PO-552, entre os concellos de Nigrán e Baiona
18/02/2019 - 02:11
O DOG publica hoxe a aprobación do proxecto construtivo para a mellora da seguridade viaria na estrada PO-552, entre os concellos de Nigrán e Baiona

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2019.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución polo que se aproba o expediente de información pública e, definitivamente, o proxecto de execución das obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-552, punto quilométrico, 10+600 a 13+800, entre os concellos de Nigrán e Baiona.

Esta intervención permitirá a eliminación dun treito de concentración de accidentes nesta vía de titularidade da Xunta, entre a glorieta de conexión coa AG-57 e Sabarís, cun investimento autonómico de máis de 400.000 euros. A intervención fai necesaria a expropiación de 10 predios, destinándose unha partida de preto de 18.000 euros ao pagamento dos terreos.

Neste enlace ao DOG pode consultarse toda a información.

Trátase dunha actuación que define a execución dos traballos de mellora da seguridade viaria e a eliminación dun treito cualificado como punto negro no tramo da estrada Vigo-Tui, comprendido entre os puntos quilométricos 10+740 e 13+440. Este proxecto está redactado no marco da estratexia que está a desenvolver o departamento de Infraestruturas da Xunta para intentar reducir os tramos de concentración de accidentes da rede autonómica de estradas.

Os traballos previstos neste tramo consistirán na mellora de interseccións nas que se produce unha maior parte dos accidentes neste tramo. Executaranse cambios de sentido e habilitaranse carrís centrais de espera para facilitar os xiros á esquerda nas interseccións que teñen suficiente visibilidade, e reordenaranse os xiros naquelas interseccións que non teñen a visibilidade necesaria para garantir os xiros nas desexables condicións de seguridade.

Máis en concreto, executarase unha semiglorieta na intersección do punto quilométrico 10+740, para facilitar os cambios de sentido, e unha nova glorieta no punto quilométrico 11+150, que se corresponde coa rúa Rans, incorporada ao proxecto tras a información pública.

Tamén se mellorará a intersección existente no punto quilométrico 11+500 co camiño Carballal, coa execución dun carril central de espera e semiglorieta, e se reordenará a intersección coas rúas Cruceiro e Sarmiento, coa execución dun carril central de espera. A actuación inclúe a sinalización dun cambio de sentido na intersección coa rúa Manuel González Prado, a execución dunha nova glorieta na intersección coa rúa Valle Inclán e a reordenación da intersección coa rúa Romana.

Ademais, segundo o proxecto elaborado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, executaranse pequenos tramos de beirarrúas complementarios á mellora das interseccións, reforzarase a sinalización dos pasos de peóns do tramo para facilitar a súa percepción. E, finalmente, instalaranse balizas entre os puntos quilométricos 13+180 e 13+440, para evitar o estacionamento indebido en varios accesos situados na marxe esquerda na avenida Foz do Miñor, que reducen a súa visibilidade.

Cómpre resaltar que dentro da estratexia que a consellería está a desenvolver para intentar reducir a accidentalidade nos puntos negros da rede de estradas de titularidade autonómica, se prevén outras dúas actuacións na estrada PO-552, no tramo Vigo-Nigrán. Trátase de intervencións similares no entorno dos tramos de concentración de accidentes, unha entre a intersección coas estradas da Matamá e Muíños e á entrada de San Miguel de Oia, xa licitada no mes de decembro, e outra na zona das Rexas, cuxo proxecto se atopa en supervisión.

No marco do Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020, a Xunta está a desenvolver unha estratexia para intentar reducir ata 2020 a accidentalidade dos treitos cualificados coma tramos de concentración de accidentes das estradas de titularidade autonómica. Para elo, está prevista a execución de aproximadamente 40 actuacións en 90 km, cun investimento que superará os 12 millóns de euros, no horizonte desta lexislatura.