Inicio / Noticias / O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia para este ano, cun investimento de 400.000 euros
25/04/2018 - 05:09

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2018.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria da Consellería de Infraestruturas e Vivenda pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia.

As axudas van dirixidas ás entidades que se integran no Comité Galego de Transportes (asociacións ou federacións de transportistas), co obxecto de que elaboren e leven a cabo un plan formativo que haberá de versar sobre as materias de maior interese para o sector. Para estes efectos, a propia Orde inclúe unha relación básica de cursos subvencionables, que se verá completada coa guía de referencia de accións formativas que se publicará na páxina web da consellería.

Acolléndose a estas axudas, as entidades que resulten beneficiarias poderán mellorar as capacidades dos seus asociados en eidos tan transcendentais como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial. Tamén se inclúe a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

No ano 2017 realizáronse 150 cursos ao abeiro destas axudas da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, das que se beneficiaron un total de 2.243 alumnos, cifras que se esperan repetir ou incluso mellorar coa nova convocatoria.

Para a realización destas actividades, a consellería destina un total de 400.00 euros, os cales serán distribuídos entre aqueles plans formativos que acaden as maiores puntuacións nos diversos criterios que establece a orde reguladora, entre os que se encontran a representatividade da asociación, a adecuación dos cursos ao ámbito do transporte, o seu menor custo ou a promoción do idioma galego.

Requisitos e prazo de presentación

As asociacións ou federacións interesadas haberán de presentar a solicitude obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), que irá acompañada da descrición detallada dos cursos integrados no plan formativo para o que se pide a axuda. Esta descrición deberá facerse nun documento electrónico en formato Microsoft Excel ou compatible, o cal deberá axustarse á estrutura e ao contido do modelo que, par tal efecto, proporcionará a consellería a través da dirección xeral de Mobilidade.

O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá e rematará o vindeiro día 25 de maio. Toda a información sobre os requisitos e condicións destas axudas para a formación no eido do transporte poden consultarse no seguinte enlace ao DOG: https://bit.ly/2JsbRCd