Inicio / Noticias / O DOG publica hoxe o inicio das expropiacións necesarias para a construción dunha nova glorieta no acceso ao peirao de Portosín, na estrada AC-550
03/05/2018 - 04:14

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2018.- A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de eliminación dun punto de concentración de accidentes na estrada AC-550, en Portosín.

Esta actuación inclúese dentro da estratexia da Xunta para eliminar todos os puntos negros das estradas autonómicas. Neste proxecto en concreto, o Goberno galego investirá máis de 500.000 euros. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://goo.gl/R4To2p

A intervención proxéctase no punto no que conflúen o acceso ao Peirao pola travesía da Igrexa e a Avenida da Deputación, onde se construirá, este mesmo ano, unha nova glorieta que permitirá calmar os tráficos e realizar os xiros de forma máis segura.

Esta é unha zona clave no concello de Porto do Son e do núcleo de Portosín, xa que ao porto acceden moitos vehículos pesados e no verán rexístrase un incremento significativo de tráfico. A intersección atópase nunha curva de radio reducido, con pouca visibilidade, especialmente para os coches que se incorporan á AC-550 desde a Travesía da igrexa, polo que os traballos aumentarán a seguridade.

Nesta zona tamén está previsto reordenar e reurbanizar o espazo sobrante entre a estrada autonómica e a avenida da Deputación, que lle dá acceso á Igrexa de Goiáns e ao cemiterio, e habilitar aquí unha zona de aparcadoiro, para atender á demanda existente. Tamén se executará unha pequena pasarela de madeira sobre o rego da igrexia, co fin de facilitar o acceso desde o aparcadoiro.