Inicio / Noticias / O DOG publica hoxe o inicio das expropiacións para a execución das obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-164, no concello de Bergondo
03/04/2019 - 14:18

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución das obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-164, ao seu paso polo Concello de Bergondo.

A actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dispón dun orzamento de case 380.000 euros, no que se inclúe o pago das 14 fincas necesarias para a mellora da seguridade viaria nesta estrada, entre o cruce coa vía local a San Isidro e a glorieta dos Condes.

Trátase da eliminación dun treito de concentración de accidentes ao paso polo concello coruñés, que se enmarcado na estratexia do departamento de Infraestruturas da Xunta para ter eliminados en 2020 todos os treitos de concentración de accidentes das estradas de titularidade autonómica.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta publicación: https://bit.ly/2TTmcvE

As actuacións previstas desenvolveranse no tramo comprendido entre o p.q. 3+000, na intersección coa estrada local a San Isidro, e o p.q. 4+000, na glorieta dos Condes.

A principal actuación proxectada é a execución dunha glorieta na intersección do p.q. 3 coa estrada a San Isidro. Os seus obxectivos son habilitar un punto no que realizar xiros e cambios de sentido con seguridade, e calmar o tráfico no tramo de actuación.

Tamén se levará a cabo a reforma de interseccións, con actuacións coma a execución de cuñas de cambio de velocidade para facilitar as saídas da estrada ou ás incorporacións a ela; ademais limitaranse os xiros á esquerda, que deberán de realizarse na nova glorieta.

Ademais, o proxecto contempla a mellora do paso de peóns existente no acceso á casa do concello mediante o reforzo de sinais luminosas de paso de peóns e a ampliación nesta zona das beirarrúas para impedir de xeito efectivo o aparcamento nos 10 metros anteriores e facilitar así a súa visibilidade. Tamén se limitará a velocidade no treito.