Inicio / Noticias / O Goberno galego amosa a súa satisfacción pola firme defensa da proposta de extensión do Corredor Atlántico ao Noroeste Peninsular realizada na TENT- Days en Liubliana, en Eslovenia
27/04/2018 - 07:49
O Goberno galego amosa a súa satisfacción pola firme defensa da proposta de extensión do Corredor Atlántico ao Noroeste Peninsular realizada na TENT- Days en Liubliana, en Eslovenia

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2018.- O Goberno galego amosa a súa satisfacción pola firme defensa da proposta de extensión do Corredor Atlántico ao Noroeste peninsular realizada no marco do TENT-T Days, a cita anual que organiza a Comisión Europea para facer balance do estado de situación da denominada Rede Transeuropea do Transporte.

Nesta reunión o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, defendeu en Liubliana (Eslovenia) a proposta contida na “Declaración institucional de apoio e impulso á modificación do Corredor Atlántico de Mercancías”, firmada o pasado mes de outubro polos gobernos de Galicia, Castela e León e Asturias.

Isto supón a inclusión tanto das liñas ferroviarias de alta velocidade Olmedo – Zamora – Ourense – Santiago, como as de mercancías que conectan os portos de A Coruña e Vigo co actual eixe Atlántico en Venta de Baños a través de Ponferrada, León y Palencia, e os portos de Xixón e Avilés co mesmo eixo a través de León, o que garante a mellora da mobilidade de persoas e mercancías de Galicia, Castela e León e Asturias, polas que non discorrían o corredor Atlántico multimodal.

Deste xeito, os portos galegos e asturianos quedan conectados ao corredor Atlántico á través de Castela e León e se canalizan os fluxos principais de Galicia de cara os demais países da Unión.

Os esforzos realizados pola Xunta de Galicia, sempre baixo a premisa da unidade e de coordinación das tres comunidades autónomas, dan por resultado que no seo da negociación do vindeiro marco financeiro plurianual 2021-2027, no que está tendo lugar a revisión do Regulamento polo que se financian as redes transeuropeas de transporte (Regulamento CEF) que establece, entre outros aspectos, a definición dos itinerarios dos corredores europeos, se inclúa a proposta de conexión ferroviaria do Corredor Atlántico cos portos marítimos de Vigo, A Coruña, Xixón e Avilés, -a través de Palencia, León e Ponferrada-.

Por outra banda, Galicia é unha das 16 institucións signatarias dun documento de posición entregado hoxe en Liubliana a Herald Ruijters, director da Dirección General de Movilidad y Transporte de la Comisión Europea. Galicia apoia esta iniciativa, que se enmarca dentro da cooperación iniciada con outras Comunidades Autónomas, como Castela e León, seis meses atrás para defender unha mellor conexión dos seus territorios. No documento reclámase que o futuro fondo de financiación da RTE-T a partir de 2021 estea dotado dun orzamento suficiente como para apoiar en maior medida aos proxectos incluídos na rede secundaria. Isto axudaría a evitar a conxestión e contaminación da rede principal, ademais de xerar un efecto multiplicador para a posta en marcha de solucións innovadoras no ámbito do transporte. O actual instrumento de financiamento -o Mecanismo Conectar Europa (CEF polas súas siglas en inglés)- reserva tan só un máximo do 5% do seu orzamento a estes proxectos.

Estas demandas realízanse días antes de que a Comisión Europea faga público o vindeiro 2 de maio a súa proposta de marco financeiro plurianual para despois de 2020. A finais de maio presentará tamén a súa proposta de futuro CEF (que inclúe a proposta da conexión do trazado do corredor cos portos galegos e asturianos a través de Castela e León).

Ambas propostas deberían ser aprobadas polos Estados membros e o Parlamento Europeo en menos dun ano.