Inicio / Noticias / O maior investimento en infraestruturas viarias da Xunta en 2019 correspóndese coa autovía do Morrazo, que dá servizo principalmente aos concellos de Moaña, Cangas e Bueu
30/09/2019 - 06:52

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2019.- O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde salientou a autovía do Morrazo, que dá servizo aos Concellos de Moaña, Cangas e Bueu, como o maior investimento en estradas nos Orzamentos da Xunta para 2019.

Francisco Menéndez destacou que a Axencia Galega de Infraestruturas planifica e executa as actuacións atendendo a criterios obxectivos e transparentes e priorizando a seguridade viaria.

Explicou que en materia de seguridade viaria, a maior parte do investimento se produce de acordo coa metodoloxía de identificación de treitos de concentración de accidentes. Estes publícanse cada ano na memoria de seguridade viaria da AXI, polo que, por exemplo se tomaron como base os datos de 2016 para a estratexia que se está a desenvolver.

No que se refire á mellora da mobilidade peonil e ciclista, o director puxo en valor o Plan de Sendas de Galicia, que é froito dunha análise na que se determinaron as zonas prioritarias de actuación na comunidade. Concretou que primeiro se definiron 11 comarcas e despois en cada unha se estableceron as estratexias específicas para identificar os treitos prioritarios.

A conservación e mantemento da rede viaria autonómica tamén é un piar fundamental na liña de acción da Xunta, polo que continúa desenvolvendo o Plan de reforzos de firme. Neste sentido, Menéndez aclarou que este programa está deseñado en base ás inspeccións dos técnicos de acordo co estado global dos firmes da rede autonómica en cada ano.

Salienta que os investimentos materializados a través de convenios de colaboración representan o 1,66% do orzamentos da Axencia Galega de Infraestruturas e responden sempre a actuacións convenientes para a seguridade viaria e a funcionalidade das estrada.

Concretou que se trata de actuacións que competen á administración autonómica e que cada unha é rigorosamente necesaria, xa que o propósito é solucionar unha problemática de seguridade viaria e funcionalidade da rede de estradas.

Puxo como exemplo os convenios de colaboración asinados con concellos como Marín para a humanización da PO-546, Sanxenxo para urbanización da rúa Progreso (PO-308), Tomiño para mellorar a conexión entre a estada provincial e a PO-344 ou Oleiros para a construción dunha rotonda na estrada AC-173.