Inicio / Noticias / O MOME da Estrada acolle a presentación de Chitón ata a fin da terra
28/09/2018 - 11:00

A Estrada (Pontevedra), 28 de setembro 2018.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán, no Museo da Madeira e do Moble da Estrada (MOME), na presentación do conto infantil Chitón ata a Fin da Terra, escrito pola ourensá Ángela Fernández Rey, ilustrado pola estradense Anabel Montouto e publicado por Edicións Fervenza co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Valentín García saudou “esta nova obra para nenos e nenas en galego, que servirá, ademais de para divertilos, para que coñezan Galicia e empecen a amar a súa lingua propia”.

A canda o secretario xeral interviñeron no acto o alcalde da Estrada, José López; o profesor e escritor Carlos Loureiro e mais a autora e a ilustradora da obra.

Chitón ata a fin da terra

Chitón ata a Fin da Terra é unha obra narrativa infantil que conta a historia de Chitón, un pequeno morcego que desexa voar polo día e ver o que hai fóra da súa cova. Acompañado da gaivota Gavi percorrerá, como desexa, as marabillas de Fisterra, Carnota, Cee ou as Illas Lobeiras. Nesta viaxe, aprenderá moito sobre os lugares que visita a vista de paxaro, mais tamén conseguirá entender por que a súa vida debe desenvolverse pola noite.

Ángela Fernández Rey

A ourensá Ángela Fernández Rey, autora do texto, é técnica especialista na rama administrativa e comercial. Na actualidade reside no concello de Ames, moi preto de Santiago de Compostela, onde traballa como funcionaria da Xunta de Galicia. En 2012 gañou o X premio Pura e Dora Vázquez de narración infantil e xuvenil da Deputación de Ourense co conto Por que está triste Miañas? En 2016 resultou premiada no Certame Literario de poesía do Concello de Amoeiro co traballo “O meu mundo”.

Anabel Montouto

Anabel Montouto é natural de Oca, no Concello da Estrada. Desde cativa, a súa vida estivo ligada á arte, pero foi en 2014 cando comezou a súa formación máis específica estudando a licenciatura de Belas Artes en Pontevedra.

A súa primeira exposición individual tivo lugar en 2015, no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira (Silleda). Ao ano seguinte participou, neste mesmo lugar, na mostra colectiva “Dezarte”. Tamén formou parte da exposición “Eu son miña”, no Museo Manuel Torres de Marín, en 2016. No ano 2017 estreouse como ilustradora colaborando no poemario Versos e bolboretas (Edicións Fervenza). Con Chitón ata a fin da terra, ilustra por primeira vez un libro completo.