Inicio / Noticias / O Plan de Vialidade Invernal conta na provincia de Ourense cun operativo de 6 centros, 100 profesionais e 2.000 toneladas de fundentes para velar pola seguridade nas estradas autonómicas
18/11/2019 - 13:00
O Plan de Vialidade Invernal conta na provincia de Ourense cun operativo de 6 centros, 100 profesionais e 2.000 toneladas de fundentes para velar pola seguridade nas estradas autonómicas

Ourense, 18 de novembro de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou xunto co subdelegado do Goberno na provincia, Emilio González Afonso, na reunión da Comisión de coordinación provincial para a seguridade viaria en situacións metereolóxicas extremas. O obxectivo desta xuntanza, que se celebra cada ano por estas datas, é coordinar medios e actuacións da Xunta e do Goberno central encamiñadas a garantir a seguridade viaria dos condutores na época invernal de climatoloxía adversa.

Díaz Mouteira informou do operativo que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade desprega na provincia de Ourense ao abeiro do Plan de Vialidade Invernal do Goberno galego, posto en marcha a primeiros deste mes e que estará activo ata o 30 de abril. Indicou que este plan implica a posta a disposición de diferentes medios, tanto humanos como materiais, incluíndose a maquinaria da conservación ordinaria que se usa como reforzo na tempada de vialidade invernal.

O Goberno galego conta na provincia ourensá con 6 centros operativos de conservación e explotación dotados con 2.000 toneladas de acopio de fundentes. No dispositivo para garantir e incrementar a seguridade viaria nos meses de outono e inverno traballarán 102 persoas que disporán de 16 camións, 3 retros, 7 follas quitaneves e outras tantas cuñas, 13 esparexedores de sal, 4 extendedoras de salmoeira e 3 plantas de fabricación de salmoira.

A provincia de Ourense, con 102 estradas da Rede Autonómica de Estradas de Galicia, é a que ten máis vías autonómicas susceptibles, por altitude, de rexistrar incidencias por neve ou xeo. En total 453 km que supoñen un 44% da súa rede autonómica.

Díaz Mouteira indicou que coa activación do Plan, a Xunta quere garantir a mobilidade en condicións de máxima seguridade a todos aqueles cidadáns que a diario empregan as vías autonómicas para desprazarse. O programa recolle un conxunto de medidas preventivas para anticiparse aos problemas que poidan xurdir, e tamén paliativas, para reforzar a seguridade viaria ante situacións meteorolóxicas desfavorables.

Grazas á posta en marcha deste Plan, a Xunta terá o coñecemento dos problemas que podan xurdir en épocas de inclemencias meteorolóxicas adversas, o que permitirá a toma de decisións máis axeitadas para cada situación a tempo. Tamén poderá dar a solución aos problemas e á eliminación de riscos nas estradas.

A delegada territorial afirmou, non obstante, que ningún plan da Administración pode substituír a prudencia e a concienciación social, polo que é importante que os condutores extremen as precaucións ao volante.

Na xuntanza tamén participaron representantes da Deputación provincial, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, DXT, Agrupación de Tráfico, Estradas do Estado en Ourense, Protección Civil e membros da Fegamp.