Inicio / Noticias / O vindeiro venres activarase un desvío de tráfico na estrada AC-551 motivado polas obras de construción do acceso ao parque empresarial de Morás, en Arteixo
25/09/2019 - 14:32

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2019.- A execución das obras do novo acceso ao parque empresarial de Morás, en Arteixo, fará necesario activar, a partir do vindeiro venres, un desvío de tráfico na estrada autonómica AC-551, que conecta a saída da autoestrada AG-55 coa polígono de Sabón.

Trátase dunha medida necesaria para executar a glorieta elevada que vai conectar esa estrada AC-551 co novo acceso ao polígono industrial.

Os traballos para establecer o desvío da circulación comezarán o venres pola mañá, unha vez transcorra a hora punta de tráfico coincidente co inicio da xornada laboral nesta contorna empresarial.

Este desvío, cuxa sinalización facilitará a circulación, funcionará mentres se leven a cabo as actuacións proxectadas, que teñen por finalidade conectar a zona empresarial de Morás coas grandes vías de alta capacidade que a rodean, a A-6 e a AG-55.

Esta actuación pretende mellorar a accesibilidade e a competitividade desta área industrial, un gran polo de creación de emprego en Arteixo e, por extensión, en toda esta área da Coruña.