Inicio / Noticias / As obras da estación de autobuses intermodal de Santiago acadan o 20% de execución e as novas fases da terminal ferroviaria someteranse a información pública en setembro
26/07/2019 - 07:46
As obras da estación de autobuses intermodal de Santiago acadan o 20% de execución e as novas fases da terminal ferroviaria someteranse a información pública en setembro

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2019.- A Xunta, o Concello de Santiago e Adif abordaron hoxe conxuntamente os avances na estación intermodal da capital de Galicia nunha xuntanza da comisión de seguimento do acordo para o impulso desta infraestrutura.

Na reunión, celebrada no Pazo de Raxoi, en relación coas responsabilidades da Xunta, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez informou de que as obras de construción da nova estación de autobuses acadan xa o 20% da súa execución e estarán rematadas no primeiro trimestre do ano 2020.

Así mesmo, avanzou que os traballos da pasarela peonil que conectarán a terminal de autobuses coa estación ferroviaria están a pleno rendemento. E o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, detallou o traballo que está a desenvolver o Concello para que os accesos ao recinto desde a avenida de Clara Campoamor estean rematados no vindeiro verán.

Pola súa banda, a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera avanzou que o proxecto básico e construtivo completo das seguintes fases da reforma ferroviaria está redactado e se prevé sometelo a exposición pública no mes de setembro. O obxectivo é ter rematada a redacción do proxecto construtivo no mes de novembro.

No encontro tamén participaron o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, ademais da concelleira de Urbanismo de Santiago, Mercedes Rosón, e técnicos de Adif.