Inicio / Noticias / As obras de mellora da drenaxe da estrada LU-160, no concello de Mondoñedo, obrigan a desviar o tráfico ata o vindeiro 30 de novembro
03/10/2018 - 05:21

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2018.- As obras que esta a acometer a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para a mellora da drenase da estrada LU-160, ao seu paso polo Concello de Mondoñedo obrigan a desviar o tráfico que circula polo treito que vai de Mondoñedo a Ferreira do Valadouro ata o vindeiro día 30 de novembro.

Segundo a planificación da empresa adxudicataria, Construcciones Isidro Otero, S.L, para executar os traballos de mellora de drenaxe faise necesario o corte total desde onte martes a ata o vindeiro 30 de novembro deste treito da LU-160, ao seu paso polo Concello de Mondoñedo, salvo para residentes.Co obxectivo de minimizar os efectos no tráfico, neste intre está xa establecido un desvío alternativo polas estradas N-634 e LU-153, que se manterá ata o remate desta actuación.A intervención consiste na substitución da obra de drenaxe transversal deteriorada no punto quilométrico 6+000 da estrada LU-160, co fin de reforzar a estrutura da estrada e a capacidade de desaugue da mesma. A obra ten un prazo estimado de execución de 10 semanas.

Na actuación tamén se inclúe o fresado sobre a capa de firme actual a cada lado da escavación co fin de mellorar a adherencia e a conexión coas zonas adxacentes e tratando de homoxeneizar, na medida do posible, as capas de firme que se repoñen e as que non se ven afectadas coa actuación. Tamén se prevé a reposición da sinalización vertical, horizontal, balizamento e da barreira de seguridade.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa traballando na mellora de rede viaria autonómica co obxectivo de proporcionar unhas estradas cómodas e seguras e potenciar o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.