Inicio / Noticias / As obras de mellora de conservación do viaduto de Paramuíño fan necesario o corte nocturno do acceso á autovía AG-56 desde As Galanas
14/10/2019 - 04:53

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, está a realizar obras de mellora de conservación no viaduto de Paramuíño, que mañá farán necesario o corte nocturno do acceso á autovía AG-56 desde As Galanas.

Para acometer estes traballos, que se desenvolverán no citado tramo ao seu paso polos Concellos de Ames e Teo, será necesario realizar un corte total desta vía e levarase a cabo entre mañá martes, día 15, ás 22:00h e ata as 07:00h do mércores 16.

As actuacións de mantemento que se realizarán consisten na recolocación dos apoios no viaduto de Paramuíño que, pese a non supoñer problemas dende o punto de vista estrutural, cómpre arranxalo para optimizar a conservación do mesmo.