Inicio / Noticias / As obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-552 en Arteixo precisarán de cortes puntuais e desvíos de tráfico esta semana
14/06/2021 - 03:59

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021.- As obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-552 en Arteixo farán necesarios cortes puntuais e desvíos de tráfico ao longo desta semana.Na xornada de hoxe comezará a realización de voaduras na contorna da glorieta do punto quilométrico 2+880. Para garantir a seguridade nos traballos, será necesario cortar o tráfico da vía en breves intervalos de tempo, estando dirixida a circulación por sinalistas.Mañá iniciarase a execución dos recheos da glorieta no punto quilométrico 2+550, o que obrigará a desviar o tráfico durante dous días. Este desvío estará previamente sinalizado para facilitar a mobilidade.Na madrugada do domingo comezaron os traballos de aglomerado, executando bacheos do tronco, sobreanchos, vías de servizo e aglomerado na glorieta do punto quilométrico 2+550, que se prevé que estará en servizo este mesmo venres día 18. Estas adaptacións do tráfico son precisas para seguir avanzando nesta intervención que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou a mediados de abril para eliminar o treito de concentración de accidentes nesta área.Os traballos, que suporán un investimento autonómico de máis de 2 millóns de euros, están a avanzar a bo ritmo e teñen un prazo de execución de 12 meses. A intervención nesta estrada autonómica comprende o tramo da vía desde o punto quilométrico 2+100, despois da glorieta de enlace coa autoestrada AG-55, ata a vía de acceso á presa de Meicende, no punto quilométrico 3.A estrada AC-552 ten un tráfico elevado e percorre unha zona industrial, con numerosas naves, unha estación de servizo e canteiras. Para mellorar a seguridade do tramo prevese a execución de dúas glorietas nos puntos quilométricos 2+500 e 2+890, nas que se realizarán os xiros. A segunda glorieta servirá, ademais, para calmar o tráfico en sentido A Coruña, tras o tramo de forte pendente descendente anterior.O proxecto tamén prevé a execución dunha vía de servizo na marxe dereita, sentido Fisterra, para evitar as incorporacións directas á estrada desde as naves e a estación de servizo existente.