Inicio / Noticias / As obras de mellora do firme da autoestrada A Coruña-Carballo farán necesario habilitar mañá un desvío de tráfico no enlace de Arteixo
21/09/2022 - 14:56

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2022

As obras de mellora do firme na autoestrada A Coruña-Carballo (AG-55) farán necesario habilitar mañá un desvío do tráfico no enlace de Arteixo.

 

Na xornada do xoves os traballos comezarán no ramal de saída de Arteixo cara a Carballo, a partir das 10 horas. Ao longo do día iniciaranse as actuacións no ramal de entrada desde A Coruña, prevéndose o seu remate entre mañá e o venres.

 

Para isto, procederase ao peche da circulación de forma alternativa entre as 10 e as 20 horas do xoves e entre as 10 e as 13 horas do venres no ramal de saída da autoestrada (A Coruña-Arteixo) e no ramal de entrada (Arteixo-Carballo).

 

Para facilitar a mobilidade disporanse itinerarios alternativos sinalizados que consisten en realizar todos os movemento a través do mesmo enlace.

                                             

A Consellería de Infraestruturas prevé seguir avanzando a vindeira semana nos mesmos traballos no enlace de Carballo.

 

Estas obras enmárcanse no contrato de mellora do firme das autoestradas do Val do Miñor (AG-57) e no tramo A Coruña–Carballo da AG-55, que suporá un investimento total de 1,55 M€ e comezaron en xuño.

 
 

Desvíos nos ramais de entrada á autoestrada (Arteixo -Carballo) e no de saída (A Coruña-Arteixo).