Inicio / Noticias / Os alumnos do CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso, en Noia, fórmanse en hábitos responsables nas estradas coa Campaña de Seguridade Viaria ‘O corazón está do teu lado’
22/11/2019 - 13:01

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2019.- Os escolares do CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso, no Concello de Noia, xa forman parte desde esta semana da campaña da Xunta ‘O corazón está do teu lado’, que ten como obxectivo fomentar hábitos responsables nas estradas entre os máis novos.

Os rapaces deste centro educativo están aproveitando este venres para iniciarse nas actividades propostas nas unidades didácticas coas que tamén traballarán co profesorado ao longo de todo o curso escolar, para sensibilizarse da relevancia da seguridade viaria e do respecto ás normas de circulación.

Esta iniciativa da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, en colaboración coa de Educación, levarase a cabo este curso en 20 novos colexios da comunidade, dándolle así continuidade a esta actividade formativa que se vén desenvolvendo nos últimos anos.

A campaña vai dirixida a nenos de 6 a 12 anos, prevéndose que entre o pasado curso e o presente sensibilice aos nenos duns 40 centros escolares.

Esta campaña comezaba este curso en setembro, estando xa en marcha nos CEIP de Rodeiro, Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa; Arzúa, Virxe da Saleta, en Cea; Curros Enríquez, en Celanova; Nosa Señora de Xuvencos, en Boborás, Montemogos, en Bueu; CPI Manuel Padín, en Soutomaior, Monterroso, Castroverde, O Coto, de Negreira; CEIP Padre Feijoo, en Allariz; CPI DR. López Suárez de Friol; CPE Plurilingüe O Cruce, en Cerceda; Amor Ruibal, en Barro e A Gándara, en Monforte de Lemos. Tamén impartironse as actividade nos seguintes colexios: CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro, en Barbadás; e CEIP Monte Baliño en Pantón ou o CEIP Praia Xardín, no Concello de Boiro.

Este programa, incluído dentro do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, ten como obxectivo explicar e ensinar aos máis cativos a marxe da estrada pola que deben camiñar, sempre pola esquerda, polo lado do corazón.

Os cativos, a través do material co que traballarán co profesorado, aprenden a importancia de empregar as sendas peonís, camiñar polo lado do corazón, cruzar nos pasos de peóns ou facerse ver o máximo posible ante os vehículos que circulan pola vía.

A campaña busca, en definitiva, que os máis novos se preocupen pola súa propia seguridade viaria e contribúan, deste xeito, tamén á seguridade dos demais.