Inicio / Noticias / Os avances nos traballos da senda peonil e ciclista en Portomarín, fan necesario o desvío do tráfico en horario laboral hoxe e mañá na estrada autonómica LU-633
10/09/2020 - 03:03
Os avances nos traballos da senda peonil e ciclista en Portomarín, fan necesario o desvío do tráfico en horario laboral hoxe e mañá na estrada autonómica LU-633

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2020.- Os avances nos traballos de execución da senda peonil en Portomarín, fan necesario o desvío do tráfico en horario laboral hoxe e mañá na estrada autonómica LU-633.

O desvío está habilitado xa desde as 07:00h e prolongarase ata as 19:30 horas desta tarde; mañá estará habilitado entre as 07:00h e ata 13:00 horas.

Trátase de seguir avanzando nas obras de construción dunha senda de 260 metros de lonxitude na marxe esquerda desta estrada para executar un itinerario continuo sen ter que cruzar a vía, nun treito por onde discorre o Camiño de Santiago Francés.

Desde a pasada semana está a traballarse na zona próxima ao encoro para executar a ampliación da plataforma da estrada, que require a instalación dunhas estruturas en voladizo prefabricadas, chamadas prelosas. Esta intervención previa fixo preciso o levantamento do carril dereito da estrada, para a colocación das prelosas, polo que a circulación está a efectuarse polo carril libre, dándose paso alternativo con semáforos.

Hoxe comezan os traballos de colocación das prelosetas prefabricadas, para o que xa está deseñado o desvío alternativo do tráfico da estrada LU-633. O corte da estrada está sinalizado e coordinado co Concello. Para minimizar a afección na circulación, tamén están na zona tres persoas regulando o paso alternativo do trafico nos tres cruces do desvío alternativo habilitado.

Ao final de cada xornada repoñerase o paso do tráfico polo carril xa habilitado na LU-633, entre os puntos quilométricos 72+200 e 72+700, regulado con semáforos para o paso alternativo de vehículos.

Con esta intervención ampliarase a sección actual para poder albergar os elementos da nova plataforma, que servirá para reforzar a seguridade das persoas que se desprazan a pé, evitando que teñan que circular pola beiravía.

O novo itinerario

O novo itinerario impulsado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conta cun investimento de 285.000 euros, e ten un prazo de execución de 6 meses.

A execución da senda ten como obxectivo mellorar as condicións de seguridade dos peregrinos e dos peóns, en xeral, no seu percorrido por esta zona, desde a baixada do Camiño de Santiago -fronte ao albergue situado a esa altura da vía autonómica- ata a entrada da ponte de acceso á vila de Portomarín.

No punto de inicio localízanse as escadas de baixada do Camiño Francés na beira dereita, polo que nesa parte complementarase cun pequeno treito de senda a ese lado da calzada e un paso de peóns.

Esta intervención nun dos accesos principais á localidade para os peregrinos que realizan a ruta Xacobea enmárcase na aposta da Xunta por un modelo de mobilidade segura e sostible e está incluída no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Lugo. A actuación está cofinanciada con Fondos Feder 2014/2020.