Inicio / Noticias / Os Gardacostas e a Garda Civil comisan case 4 toneladas de ameixa nun control por estrada no concello pontevedrés de Vilaboa
03/11/2017 - 11:31
Os Gardacostas e a Garda Civil comisan case 4 toneladas de ameixa nun control por estrada no concello pontevedrés de Vilaboa

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2017.- Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, en colaboración coa Garda Civil, comisaron onte 3.860 quilos de ameixa xapónica nun control realizado por estrada no concello de Vilaboa, en Pontevedra.

Na actuación os axentes inspeccionaron unha furgoneta e comprobaron transportaba a mercadoría sen a documentación correspondente que amparase a súa legalidade. Ademais, a maioría da ameixa era de talla antirregulamentaria. No control os inspectores tamén incautaron a furgoneta.

Este operativo enmárcase no conxunto dos controis que efectúa o Servizo de Gardacostas no eido da comercialización e transporte nas estradas de Galicia, que se suma aos controis da baixamar nas praias para evitar a extracción e comercialización ilegal de produtos pesqueiros.