Inicio / Noticias / Os novos descontos para familias numerosas nas autoestradas da Xunta bonificarán máis de 80.000 viaxes ao ano e aplicaranse desde mediados de agosto
30/07/2021 - 14:51

A Coruña, 30 de xullo de 2021.- Os novos descontos nas autoestradas da Xunta, que serán efectivos a mediados de agosto, bonificarán a máis de 80.000 viaxes ao ano. Así llo trasladou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao presidente da Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN), Luis Sánchez, con quen mantivo unha xuntanza de traballo.Vázquez Mourelle lembrou que se trata da bonificación do 100% da viaxe de volta ás familias numerosas nas autoestradas A Coruña- Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57), todos os días, excepto domingo e festivos.Puxo como exemplo a unha familia que se desprace desde A Coruña ata Carballo pola AG-55, que coas novas bonificacións da Xunta pagará só 2,55 €, fronte aos 5,10 €, dado que a volta está bonificada ao 100% e lle sairá gratis. Subliñou que os descontos son acumulativos, polo que as familias numerosas poderán engadirlle tamén a bonificación do 50% en horario nocturno. Así, por exemplo, o membro dunha familia numerosa que se desprace ás 5,30 da madrugada e regrese ás 15,00 horas, pagará ida e volta entre A Coruña e Carballo 1,30 €, xa que á bonificación por familia numerosa do 100% da volta, suma o desconto do 50% na ida en horario nocturno. Para beneficiarse destes descontos, a familia numerosa debe ter o título acreditativo e cubrir o impreso de solicitude de alta no apartado da páxina web da concesionaria. A medida vai dirixida ás case 27.000 familias numerosas que hai en Galicia.Deste xeito, vincularase cada familia a un dispositivo de telepeaxe e a un vehículo para aplicar a bonificación correspondente. Cada familia numerosa poderá asociar un dispositivo de telepeaxe, que poderán ser dous nos casos de familias de categoría especial ou integrada por pais divorciados.A conselleira sinalou que a activación desta nova bonificación leva aparellada a implantación de 70 cámaras e o software necesario para a identificación e lectura da matrícula asociada á familia.Fixo fincapé en que as autoestradas autonómicas son das máis baratas de España, pero aínda así o Consello da Xunta tamén autorizou onte, ademais das bonificacións ás familias numerosas, a extensión ás 24 horas posteriores á viaxe de ida os descontos aos usuarios recorrentes -do 25% na volta e do 50% na segunda volta-, que ata agora se aplicaban no mesmo día.Cómpre lembrar que esta medida está recollida na Lei de impulso demográfico e enmarcada na liña de diálogo e de cooperación que o Goberno galego mantén con AGAFAN, que vén traballando desde hai 30 anos na defensa dos dereitos das familias numerosas en Galicia e por mellorar a calidade de vida deste colectivo.

Incentivos no transporte público

Ethel Vázquez recordou que a Xunta tamén dispuxo incentivos no transporte público para as familias numerosas, con descontos nos billetes dos autobuses da Xunta, do 20% e do 50%, en función da súa categoría.Estas rebaixas nas tarifas no autobús estanse a aplicar nas áreas de transporte de Santiago, da Coruña, de Ferrol, de Lugo e de Vigo e estenderanse a toda a comunidade coa implantación da Área de Transporte de Galicia. O Goberno galego tamén estendeu a toda Galicia a gratuidade no transporte público da Xunta para os menores de 21 anos grazas á tarxeta Xente Nova. A día de hoxe son 90.000 os rapaces galegos que desfrutan desta iniciativa que contribúe á economía das familias e promove o uso do transporte público.