Inicio / Noticias / Os traballos de mantemento nun viaduto do Corredor do Morrazo, ao paso por Cangas, farán necesario o corte de tráfico este luns e martes
27/11/2022 - 11:24

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2022 Os traballos de mantemento nun viaduto do Corredor do Morrazo, ao paso por Cangas, farán necesario o corte de tráfico desde mañá, luns, ata o martes.

 

O obxectivo é acometer tarefas de mantemento e reposición dunha xunta de dilatación dun viaduto no último tramo do corredor, entre Alto da Portela e Menduíña, en Cangas.

 

Para acometer estas actuacións con seguridade é preciso o corte total do tráfico entre as 8 horas de mañá, luns, e as 18 horas do martes, aproximadamente.

 

Estas intervencións enmárcanse nos contratos que a Xunta mantén activos para garantir a conservación ordinaria e a vialidade invernal nas estradas autonómicas, destinando un orzamento global de preto de 106,5 millóns de euros para un período de 4 anos.

 

O programa de conservación ordinaria permite unha vixilancia e control das estradas autonómicas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible.

 

Entre outras actuacións, estes contratos permiten levar a cabo a reposición da sinalización ou das barreiras de seguridade, a limpeza e mantemento dos elementos de drenaxe das estradas ou o repintado da estrada e dos elementos que as conforman.

 

Tamén forman parte deste programa os traballos de roza periódicos para o control da vexetación, así como as melloras de firme ou reparacións de pontes, obras de paso ou noiros de menor entidade.

Ademais, esta programación abrangue o programa de vialidade invernal, que todos os anos está activo desde novembro ata abril, dispoñendo os medios materiais e humanos para garantir as condicións de circulación ante os efectos da climatoloxía adversa.