Inicio / Noticias / Ovidio Rodeiro supervisa o avance das obras da estrada AC-418, ao seu paso polo concello de Malpica, cun investimento de case 444.000 euros
18/11/2019 - 13:58
Ovidio Rodeiro supervisa o avance das obras da estrada AC-418, ao seu paso polo concello de Malpica, cun investimento de case 444.000 euros

Malpica (A Coruña), 18 de novembro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade retomou as obras de mellora da estrada AC-418, ao seu paso por Malpica, por un investimento de case 444.000 euros.

Ovidio Rodeiro destacou que as obras se retomaron estes días, tal e como se comprometeu a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, co fin de evitar afeccións ao tráfico no verán, tal como solicitou o Concello de Malpica. As actuacións que está levando a cabo Construcciones López Cao S.L., teñen un prazo de execución duns catro meses.

O delegado territorial destacou que “o obxecto do proxecto é a reordenación e humanización da sección transversal da estrada nos seus últimos 300 metros, no treito urbano de Malpica”.

A estrada conta actualmente con dous carrís e beirarrrúas nas dúas marxes, aínda que estas teñen un ancho reducido, especialmente nos últimos 100 metros. Ademais, existen zonas de aparcadoiro na marxe esquerda nalgún tramo.

Coa obra prevista estreitarase aproximadamente 0,5 metros a calzada para destinar ese espazo ás beirarrúas. Ademais acometeranse melloras de firme e executaranse novas beirarrúas, que se pavimentarán con lousa de granito.

O proxecto tamén inclúe a renovación das redes de saneamento e pluviais, así como a humanización da área mediante a disposición de árbores e mobiliario urbano.