Inicio / Noticias / A produción do Centro Dramático Galego ‘Ás oito da tarde, cando morren as nais´ despídese o domingo na Estrada despois de 33 funcións en Galicia e Portugal
02/06/2022 - 12:58
A produción do Centro Dramático Galego ‘Ás  oito da tarde, cando morren as nais´ despídese o domingo na Estrada despois de 33 funcións en Galicia e Portugal

A Estrada (Pontevedra), 1 de xuño de 2022 A produción do Centro Dramático Galego (CDG) Ás oito da tarde, cando morren as nais despídese esta semana dos escenarios na Estrada, onde estará desde hoxe ata o domingo coa primeira sesión dirixida a centros de ensino e as outras tres ao público xeral. Deste xeito, a produción suma 33 funcións desde a súa estrea en abril. Delas, 14 foron no Salón Teatro de Santiago de Compostela e 19 na xira, que tamén incluíu Cee, Cedeira e Catoira, ademais das localidades portuguesas de Coímbra e Beja.

 

A maiores, o espectáculo chega a público doutros 10 concellos que se sumaron ao programa de mobilidade da unidade teatral da Xunta. Así, veciñanza de Ares, As Somozas, Cambados, Gondomar, Malpica de Bergantiños, Outes, Rianxo e Vilagarcía de Arousa puido gozar da montaxe no Salón Teatro e nos diferentes espazos que percorreu, mentres que Mos e Redondela o farán esta fin de semana na Estrada. A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, o instituto IES Audiovisual de Vigo e outros colectivos tamén se beneficiaron da iniciativa.

 

Por outra banda, o Centro Dramático Galego apostou por achegarlle esta peza de dramaturxia contemporánea ao público máis novo, con sesións específicas na xira para alumnado de Secundaria e de Bacharelato. Participaron nove centros de ensino de Cee, Vimianzo, Ponteceso, Muxía, Cedeira e Catoira. Mañá xoves farano da Estrada e de Forcarei. 

 

Outra das novidades impulsadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades foi o funcionamento fóra do Salón Teatro do sistema inclusivo deseñado pola unidade teatral da Xunta que permite dispoñer de interpretación en lingua de signos, subtitulado e audiodescrición en todas as producións propias. Deste xeito, todas as funcións de xira foron accesibles para público con discapacidade auditiva ou visual.

 

Análise do teatro e da súa recepción

Con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, Ás oito da tarde, cando morren as nais leva a escena o texto da creadora escénica AveLina Pérez galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro en 2018. Con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado no elenco, sitúa o público como elemento central e analiza de xeito crítico e irónico a relación entre o teatro e a súa recepción.

 

As entradas para asistir na Estrada están xa á venda na web Ataquilla e poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes do inicio, que será ás 21,00 h. o venres e o sábado e ás 19,00 h. o domingo. O prezo é de cinco euros, con descontos do 40% para diversos colectivos.

 

A parte das realizacións artísticas confórmana Rut Balbís, como responsable do movemento, Hugo Torres, do espazo sonoro, Nuno Meira, da iluminación, e Blanca Añón, da escenografía. Completan o equipo Pier Paolo Álvaro e Esther Quintas, quen asumen o vestiario e a caracterización, respectivamente. Nas asistencias figuran Iria Azevedo, na de dirección, Pablo Chaves Maza, na de escenografía, Roger Portal Cervera, na de vestiario, e Xandre Vázquez, na de produción.