Inicio / Noticias / Restablecida a circulación na autovía do Salnés tras a renovación do firme no treito entre Meis e Curro
30/05/2020 - 13:51

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2020.- Na tarde de onte, arredor das 20,30 horas, quedou restablecida a circulación na autovía do Salnés, logo de terse rematados os traballos do novo firme que se estaban a realizar no treito entre Meis e Curro, que se executaron durante as xornadas do xoves e do venres.

Para continuar cos traballos do firme da autovía, que foron retomados a comezos desta semana, foi necesario facer un corte da calzada esquerda da autovía estes xoves e venres, entre o enlace de Ribadumia e o enlace de Curro, desviándose o tráfico a través das estradas locais VG-4.2, EP-9305 e PO-300.

Onte á tarde quedaba restablecida a circulación habitual da autovía AG-41 tras cumprise a previsión de finalización dos traballos de estendido de firme á última hora do venres.

Conforme ao programa de obra previsto, nas vindeiras semanas realizaranse cortes puntuais para a recolocación das xuntas de dilatación dos viadutos afectados polo estendido do firme que se acaba de executar. Tamén na última semana de xuño está previsto proceder á realización do pintado definitivo de marcas viarias en toda a autovía.

Con esta intervención complétase a renovación de firme iniciada no pasado verán, que tivo que ser interrompida no inverno por mor das condicións meteorolóxicas adversas, que impedían unha boa execución dos traballos e condicionaban o resultado final da actuación. As obras enmárcanse no acondicionamento do pavimento de toda a autovía do Salnés e dos seus ramais que debe realizar a concesionaria, coincidindo coa metade do período de concesión.