Inicio / Noticias / Trenor supervisa o inicio das obras de mellora da seguridade do Camiño de Fisterra en Negreira, unha das 11 actuacións que se executarán este ano nas estradas da Xunta coincidentes con esta ruta xacobea
20/09/2021 - 04:11
Trenor supervisa o inicio das obras de mellora da seguridade do Camiño de Fisterra en Negreira, unha das 11 actuacións que se executarán este ano nas estradas da Xunta coincidentes con esta ruta xacobea

Negreira (A Coruña), 20 de setembro de 2021.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou a obra de mellora da seguridade viaria no Camiño de Fisterra, nun treito coincidente coa traza da estrada autonómica AC-447, que se acaba de iniciar no concello de Negreira

O representante do Goberno galego informou de que nesta ruta xacobea, no Camiño de Fisterra, se levarán a cabo un total de 11 de actuacións na traza coincidente coas estradas autonómicas, que suporán un investimento conxunto de 204.000 euros. No conxunto da provincia están previstas obras tamén no Camiño do Norte, en Sobrado, e no Camiño Inglés, en Carral e Abegondo. En total son 14 actuacións que supoñen un orzamento de preto de 500.000 euros.

As actuacións no Camiño de Fisterra estanse levando a cabo, concretamente, nas vías autonómicas ao seu paso polos concellos de Muxía, Dumbría, Mazaricos, Negreira, Ames, Fisterra, Cee e Corcubión.

O representante do Goberno autonómico subliñou que as actuacións de reforzo da seguridade do Camiño de Fisterra en Ames e en Negreira xa comezaron estes días e a elas se destinarán un total de máis de 63.000 euros.

En Negreira actuarase sobre a estrada autonómica AC-447 para reforzar a seguridade dos peregrinos, habilitando unha senda de 190 metros de lonxitude e 1,5 metros de ancho de chan seleccionado estabilizado con cemento. Tamén está prevista a instalación dunha tubaxe de 600 mm baixo o firme. As intervencións suporán un investimento de arredor de 42.500 euros.

No concello de Ames, onde xa comezaron tamén as obras, os traballos consistirán na sinalización de dous cruzamentos da estrada AC-453, incluíndo a colocación dun espello para facilitar a visibilidade. Tamén se levará a cabo a limpeza das beirarrúas e a reposición das baldosas danadas, destinado a estas actuacións un investimento de 20.500 euros.

O delegado da Xunta recalcou que o plan da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recolle un total 70 actuacións que se executarán este ano nas vías autonómicas cun investimento da Xunta de 1,4 millóns de euros.

De xeito xeral, os traballos consistirán na instalación, reforzo e retranqueo de sinalización; na construción de sendas, muros, gabias transitables e pasarelas; na instalación de barreiras e varandas; na pintura, retranqueo de liñas, cambios de pavimento, novos encamiñamentos, cambios de marxe, e en calquera actuación que sexa precisa para incrementar a seguridade da rede autonómica de estradas galegas no entorno dos Camiños de Santiago.

Trenor enmarcou esta intervención no traballo que se vén realizando desde a Xunta para reforzar a seguridade viaria, a accesibilidade e a integración paisaxística dos Camiños de Santiago, con actuacións levadas a cabo nos últimos anos en diversas vías autonómicas e que suman un investimento de 3,5 M€. A estas súmanse as intervencións que se están a ultimar de integración paisaxística dos Camiños á súa entrada na cidade de Compostela, ás que a Xunta destina 12,6 M€.