Inicio / Noticias / Un total de 10 empresas presentan as súas ofertas para executar unha senda na estrada LU-633 en Portomarín, cun investimento autonómico de preto de 285.000 euros
15/02/2020 - 12:26

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2020.- Un total de dez empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar unha senda peonil e ciclista na estrada LU-633, en Portomarín, cun investimento autonómico de preto de 285.00 euros.

Trátase do proxecto de construción dunha senda de 260 metros de lonxitude na marxe esquerda da calzada desta estrada de titularidade da Xunta, entre os puntos quilométricos 72+320 e 72+580, un treito por onde discorre o Camiño Francés.

Con esta actuación, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten por obxectivo mellorar as condicións de seguridade dos peregrinos e dos peóns en xeral no seu percorrido por esta zona, dende a baixada do Camiño de Santiago -fronte ao albergue situado a esa altura da LU-633- ata a entrada da ponte de acceso á vila de Portomarín.

As obras consisten na ampliación da sección actual deste tramo da LU-633, que permitirá albergar os elementos da nova plataforma, e servirá para reforzar a seguridade das persoas que se desprazan a pé, evitando que teñan que circular polo arcén.

A senda executarase pola marxe esquerda para construír un itinerario continuo entre os puntos seleccionados sen ter que cruzar a vía. No punto de inicio localízanse as escadas de baixada do Camiño na beira dereita, polo que nesa parte complementarase cun pequeno treito de senda a ese lado da calzada e un paso de peóns.

Para acometer as obras será preciso executar pequenos desmontes e corrixir terrapléns. Nun treito incorporarase unha estrutura en voadizo para dispor dun ancho adicional, cunha baranda de aceiro.