Inicio / Noticias / Un total de 12 empresas presentan as súas ofertas ao contrato para as inspeccións en pontes e obras de paso de estradas autonómicas nos vindeiros 5 anos, cun investimento máximo de 1,5 M€
29/06/2019 - 13:01

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2019.- Un total de 12 empresas presentan as súas ofertas ao novo contrato de inspeccións en pontes e obras de paso nas estradas autonómicas nos próximos 5 anos, cun investimento máximo de 1,5 millóns de euros.

Este contrato permitirá realizar inspeccións na práctica totalidade das pontes e obras de paso nas vías autonómicas, co obxectivo de traballar pola seguridade das infraestruturas e, en consecuencia, pola das persoas.

Trátase dun servizo necesario porque para os traballos de inspección é necesario contar con persoal con experiencia e técnicos especialistas, así como con medios materiais que permitan acceder aos puntos que sexa preciso revisar nas estruturas. Cómpre ter en conta que nos 5.500 km de estradas de titularidade da Xunta hai 170 km de pontes, unha estrutura cada 3 km de estradas, unha cada 300 metros, nos casos de vías de alta capacidade.

Para complementar a este contrato, a Xunta licitará en verán outro para estender este labor de inspección aos muros de contención e noiros das estradas, para anticipar posibles problemas como desprendementos e que Galicia sexa novamente referente nesta materia.

A empresa adxudicataria do contrato deberá elaborar unha guía propia sobre as inspeccións e obras de pasos de Galicia, pois ata agora o único manual é o do Ministerio de Fomento, pero ten casuísticas que, nalgúns puntos, pouco teñen que ver coa realidade orográfica e as singularidades das infraestruturas galegas.

A nova guía posibilitará aglutinar todos os coñecementos, coa experiencia acumulada das inspeccións realizadas, do seu seguimento e das solucións adoptadas en pontes e obras de paso nas estradas autonómicas para a súa mellor conservación.

Este texto recollerá unha clasificación en tipoloxías homoxéneas das obras de paso de titularidade da Xunta, tendo en conta materiais de construción, a data na que se construíron, os tipos de cimentacións ou de apoios. Tamén se incorporará un catálogo de danos ocasionados ou daqueles máis probables, unha programación temporal de futuras inspeccións ou os tipos de actuacións máis representativas nas obras de paso.

O documento será de grande utilidade para o día a día dos enxeñeiros de Camiños e os técnicos que traballan na Axencia Galega de Infraestruturas, ao proporcionar solucións singulares e adaptadas a este tipo de estruturas das estradas autonómicas.