Inicio / Noticias / Un total de 12 empresas presentan as súas ofertas para a mellora do firme en estradas da contorna dos polígonos de San Cibrao das Viñas e do Pereiro de Aguiar, en Ourense
28/05/2020 - 03:38

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2020.- Un total de doce empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de mellora localizada do firme en catro estradas autonómicas da contorna dos polígonos de San Cibrao das Viñas e do Pereiro de Aguiar, en Ourense, que foron licitadas por máis de 1 millón de euros.

Esta intervención terán un prazo de execución de 4 meses e o obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é acometer os traballos este mesmo ano 2020.

As actuacións incluídas neste contrato levaranse a cabo en varios tramos das estradas OU-105, OU-510, OU-537 e OU-538 ao seu paso polos municipios de Ourense, O Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas.

Máis en concreto, na estrada OU-105, actuarase dos puntos quilométricos 0 ao 4+250, ao seu paso polo concello de Ourense, e desde o punto 4+250 ao 5+129, en San Cibrao das Viñas.

Na estrada OU-510 as tarefas estenderanse do punto quilométrico 0 ao 5+179, no concello de Ourense, e na OU-537 desde o quilómetro 0 ao 3+948, no concello de Pereiro de Aguiar. A intervención na OU-538 comprende o treito que vai do punto quilométrico 0 ao 1+110, no municipio de San Cibrao das Viñas.

Os traballos obxecto deste contrato prevén a mellora do estado do firme con actuacións de reparación, rehabilitación e reforzo, limpeza de gabias e reperfilado de noiros, así como o repintado da sinalización horizontal e reposición da sinalización vertical e balizamento.