Inicio / Noticias / Un total de 15 empresas presentan as súas ofertas para a execución da primeira fase da mellora da estrada PO-235, no concello da Lama, cun orzamento de 600.000 euros

Un total de 15 empresas presentan as súas ofertas para a execución da primeira fase da mellora da estrada PO-235, no concello da Lama, cun orzamento de 600.000 euros

08/01/2018 - 03:53

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2018.- Un total de 15 empresas presentaron as súas ofertas para a execución da primeira fase das obras de mellora da estrada PO-235, Carballedo-Límite de provincia de Ourense, a o seu paso polo municipio pontevedrés da Lama. Para executar esta primeira fase o Executivo autonómico investirá 600.000 euros.

As actuacións levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 15+500 e o 15+740, onde se ampliará o pontón sobre o regueiro de Xesta, co fin de acadar un ancho de 8 metros e mellorando as curvas existentes antes e despois desta infraestruturas. Así mesmo, traballarase entre os PP.qq 17+200 e o 17+900, en Seixido.

O proxecto tamén contempla, entre outras actuacións, o ensanche e mellora da plataforma, a reposición da drenaxe da estrada e construción de gabias de seguridade, e a renovación da capa de rodadura.

Tras distintas reunións, finalmente acadouse que o proxecto nesta estrada quedase dividido en tres partes, priorizándose un primeiro treito, entre Antas-Seixido, entre os puntos quilométricos 11+870 a 18+100.

O Goberno galego, a través destas actuacións, continúa a traballar para mellorar e conservar a rede viaria autonómica, ofrecendo unhas estradas cómodas e seguras aos usuarios e fomentando o desenvolvemento económico e social dos concellos.