Inicio / Noticias / Un total de 15 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras da pasarela peonil da Estación Intermodal de Santiago, que suporá un investimento de 5,6 millóns de euros
10/11/2018 - 12:35

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2018.- Un total de quince empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras da pasarela peonil da estación intermodal de Santiago, que suporá un investimento de 5,6 millóns de euros.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda prevé iniciar no primeiro trimestre de 2019 a execución dos traballos desta infraestrutura, que cofinancian a Xunta de Galicia, Adif e o Concello de Santiago, en virtude do convenio de colaboración asinado polas tres administracións.

Estas obras acompasanse aos de execución, xa iniciados, da nova estación de autobuses, na que a Xunta inviste 10,4 millóns de euros.

Ambas intervencións, a nova estación de autobuses e a pasarela de interconexión entre terminais conforman a primeira fase da estación intermodal de Santiago. Co cofinanciamento das obras da pasarela a achega da Xunta á intermodal de Santiago superará os 12 millóns de euros, contribuíndo a desenvolver todo o potencial que suporá a chegada do AVE a Galicia, e estender os seus beneficios moito máis alá da cidade, xa que os cidadáns que cheguen a Compostela en autobús terán un acceso moito máis áxil e cómodo ao ferrocarril.

Nas obras da pasarela distínguense 3 zonas representativas, unha cara á cidade, outra que é zona central sobre vías e andéns, nos que a construción estará condicionada polo funcionamento da estación de ferrocarril, e a zona da estación de autobuses.

A execución da pasarela peonil urbana que conectará a estación de ferrocarril coa nova estación de autobuses servirá para a mellora a conexión entre dúas zonas da cidade de Santiago separadas pola infraestrutura ferroviaria, os barrios do Ensanche e Pontepedriña, garantindo o tránsito dos usuarios entre a rúa Clara Campoamor e a estación de ferrocarril.

No tocante á súa estrutura, a pasarela está formada por dúas partes diferenciadas, a plataforma de formigón e estrutura metálica porticada, dependendo dos usos e da zona sobre a que se sitúe. Terá un ancho que varía entre os 8 e 12 metros, unha altura media de 5 metros e unha lonxitude de vanos que vai dende os 8, aos 12 e 16 metros, ademais a pasarela executarase cuberta con lucernarios e fachadas cun deseño translúcido.