Inicio / Noticias / Un total de 16 empresas presentan ofertas para executar a nova senda peonil e ciclista na estrada PO-411 en Parderrubias, en Salceda de Caselas, cun investimento de máis de 876.000 euros
26/01/2021 - 12:58

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2021.- Un total de 16 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-411, en Parderrubias, no concello de Salceda de Caselas, que suporá un investimento da Xunta de máis de 876.000 euros.

Trátase da execución dunha senda de algo máis de 2 quilómetros de lonxitude na estrada de titularidade autonómica PO-411, cun trazado que coincide en planta e alzado coa vía actual e cun ancho que oscilará entre os 1,80 e os 2,30 metros.

Esta actuación no núcleo de Parderrubias desenvólvese en tres treitos: un na marxe dereita da vía de acceso ao IES Pedras Rubias; outro na marxe esquerda da estrada PO-411, entre os puntos quilométricos 4+260 e 5+985; e o terceiro, tamén pola marxe dereita, entre os puntos 5+970 e 6+250.

Ademais proxéctase un paso de peóns elevado no punto quilométrico 3+715, a ampliación do paso sobre o regato de Landres e a mellora das interseccións e accesos ás vivendas.

Nas obras tamén se prevé o traslado da marquesiña existente no punto quilométrico 5+910, así como a reposición dunha serie de treitos da rede de saneamento.

Esta intervención, que facilitará os desprazamentos dos veciños en condicións máis seguras e sustentables, será cofinanciada con Fondos FEDER 2014/2020.