Inicio / Noticias / Un total de 17 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras da 2ª fase de mellora da estrada PO-235, entre Antas e Seixido, na Lama, cun orzamento de 1,5 millóns de euros
08/09/2019 - 13:16

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2019.- Un total de 17 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras da 2ª fase de mellora na estrada autonómica PO-235 ao seu paso polo Concello da Lama, por un investimento de máis de 1,5 millóns de euros.

Esta intervención ten por obxecto o ensanche e mellora desta estrada autonómica, no tramo comprendido entre Antas, no punto quilométrico 11+870, e Seixido, no p.k.18+000. A actuación completa así a mellora xa realizada nesta estrada, que nunha 1ª fase realizou melloras no treito máis próximo a Seixido, ao longo de máis de 2 quilómetros, e que foron rematadas en outubro do 2018.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciará a contratación destas obras no verán e prevé o levantamento de actas previas no terceiro trimestre de 2019.

A nova actuación esténdese desde a travesía de Antas, no punto quilométrico 11+870 a 15+560, e continúa no 15+740 ata o punto quilométrico 17+200, desde o que se actuou coa obra xa rematada na parroquia de Seixido.

Nesta segunda actuación se prevé intervir nestes dous subtramos da vía autonómica, que suman máis de 5 quilómetros, ampliando a plataforma da estrada ata os 6,5 metros, fronte os 5 metros actuais.

As obras permitirán a rectificación das curvas de menor radio, a extensión dunha nova capa de rodadura en todo o tramo, e a drenaxe transversal da plataforma. Ademais está proxectado o tendido e revestimento das cunetas, nos tramos que resulte convinte, e completarase coa disposición de sinalización horizontal, vertical e de balizamento.

Nas dúas fases de mellora desta estrada o departamento de Infraestruturas da Xunta vén a investir máis de 2,1 millóns de euros, xa que na primeira fase de acondicionamento desta estrada dispuxo un orzamento de 600.000 euros.

Con estas actuacións o departamento de Infraestruturas da Xunta continúa a traballar para mellorar e conservar a rede viaria autonómica, ofrecendo unhas estradas cómodas e seguras para todos os seus usuarios e fomentando o desenvolvemento económico e social dos municipios.