Inicio / Noticias / Un total de 17 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de mellora da estrada AC-418, ao seu paso polo concello de Malpica, cun investimento de case 570.000 euros

Un total de 17 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de mellora da estrada AC-418, ao seu paso polo concello de Malpica, cun investimento de case 570.000 euros

09/02/2019 - 02:02

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2019.- Un total de 17 empresas veñen de presentar as súas ofertas ás obras de mellora da estrada AC-418, ao seu paso por Malpica.

As actuacións levaranse a cabo entre os pp. qq.16+070-16 e 16 +350, cun investimento autonómico de case 570.000 euros. O prazo de execución das obras é duns 4 meses.

O obxecto do proxecto é a reordenación e humanización da sección transversal da estrada nos seus últimos 300 metros, no treito urbano de Malpica.

A estrada conta actualmente con dous carrís e beiravías nas dúas marxes, aínda que estas teñen un ancho reducido, especialmente nos últimos 100 metros. Ademais, existen zonas de aparcadoiro na marxe esquerda nalgún tramo.

Estreitaranse aproximadamente 0,5 metros a calzada para destinar ese espazo ás beirarrúas. Ademais acometeranse melloras de firme e executaranse novas beirarrúas, que se pavimentarán con lousa de granito.

O proxecto tamén inclúe a renovación das redes de saneamento e pluviais, así como a humanización da área mediante a disposición de árbores e mobiliario urbano.

O Goberno galego continúa a traballar na mellora e conservación da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles unhas estradas cómodas e seguras aos cidadáns.