Inicio / Noticias / Un total de 7 empresas presentan as súas ofertas para executar a mellora do firme na estrada OU-504, nos concellos de Ribadavia e Cea, cun investimento de 1,1 M€
04/06/2022 - 03:04

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu 7 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme na estrada OU-504 ao paso polos concellos de Ribadavia e de Cea, que suporán un investimento de máis de 1,1 millóns de euros.

 

A Xunta prevé iniciar as obras a finais do verán co obxectivo de telas rematadas este mesmo ano.

 

Trátase do reforzo e a rehabilitación do firme da OU-504 entre a intersección coa estrada N-120 en Ribadavia e a intersección coa OU-901 en Cea, en concreto, entre os puntos quilométricos 1+460 ao 1+800, e do 2+900 ao 28+080.

 

Segundo o treito e o estado actual do firme, realizaranse fresados e reposicións de 5 e 10 cm de espesor e disporase unha nova capa de rodaxe mediante o estendido dunha mestura bituminosa en frío tipo microaglomerado.

 

Para mellorar a seguridade viaria, as obras incluirán a habilitación de cunetas de seguridade de formigón, incluíndo tubo dren e recheo co material de fresado da propia obra.

 

Tamén se mellorarán os camiños, mediante estendido do material de fresado da propia obra e o selado mediante unha rega asfáltica. Na intervención, ademais, acometerase a limpeza e o reperfilado das marxes.

 

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.