Inicio / Noticias / Un total de sete empresas presentan as súas ofertas para executar unha glorieta na intersección das estradas autonómicas LU-652 e LU-546, no concello de Bóveda
25/06/2020 - 13:08

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2020.- Un total de sete empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de construción dunha glorieta na intersección das estradas de titularidade autonómica LU-652 e LU-546, ao seu paso polo concello de Bóveda.

Esta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, licitada por un importe de máis de 212.000 euros, ten un prazo de execución de 6 meses.

Trátase de mellorar a seguridade viaria e as condicións do tráfico rodado e peonil nesta contorna.

As obras proxectadas consisten na execución dunha glorieta na intersección das ditas estradas, cun diámetro interior de 21 metros e un diámetro exterior de 41 metros, con accesos e saídas cun único carril. A plataforma da glorieta terá dous carrís de 4 metros e beiravías de 1 metro de ancho.

Tamén se lle dará acceso ao camiño de servizo existente na marxe esquerda do eixe Lugo-A Pobra do Brollón.

Na saída da glorieta, na dirección á Pobra do Brollón, permitirase un xiro á esquerda para acceder á vía existente cara ao parque empresarial de Bóveda. Neste mesmo punto, tamén se proxecta un paso de peóns accionado mediante semáforos e a instalación da semaforización correspondente, dando así continuidade a unha rede peonil existente na zona.

Os traballos incluirán o repintado de marcas viais e a colocación de nova sinalización vertical, balizamento e defensas, así como a reubicación da farola existente ao centro da glorieta.