Inicio / Noticias / A Xunta abre ao tráfico a conexión da estrada AC-551 coas vías de altas prestacións AG-55 e A-6, en Arteixo, para facilitar o tránsito do transporte de mercadorías nesta área industrial
23/04/2020 - 04:40
A Xunta abre ao tráfico a conexión da estrada AC-551 coas vías de altas prestacións AG-55 e A-6, en Arteixo, para facilitar o tránsito do transporte de mercadorías nesta área industrial

A Coruña, 23 de abril de 2020.- A Xunta abre ao tráfico a conexión da estrada AC-551 coas vías de altas prestacións AG-55 e A-6, en Arteixo, co fin de facilitar o tránsito do transporte de mercadorías nesta contorna industrial.

Esta conexión está enmarcada nas obras do novo acceso ao polígono de Morás, que está a ultimar a Xunta coas medidas de seguridade necesarias, para o seu remate en maio.

Esta actuación, cun investimento de 4,4 millóns de euros, suporá a conexión da zona empresarial de Morás coa A-6 e a AG-55, a través do novo enlace situado na estrada AC- 551, entre a saída da autoestrada de Carballo e a glorieta de Sabón.

O obxectivo deste proxecto é mellorar a accesibilidade e reforzar a competitividade do parque empresarial para convertelo nun polo de creación de emprego e riqueza na área da Coruña.

Na actualidade xa están executados o movemento de terras, así como as estruturas e a drenaxe. Tamén se aproveitou o descenso da mobilidade motivado polo estado de alarma para estender a maior parte da capa de rodadura do firme.

Cómpre lembrar que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade tamén vén de adxudicar as obras para dotar de iluminación o acceso ao parque empresarial. Estas actuacións realizaranse de xeito simultáneo coas de execución do acceso.

Ademais o Instituto Galego da Vivenda e Solo está a levar a cabo de modo acompasado as obras do acceso ao polígono, a urbanización e as conexións exteriores da 1ª fase de desenvolvemento deste parque empresarial, que finalizarán tamén nas próximas semanas.