Inicio / Noticias / A Xunta abre a fase de información pública do proxecto da senda peonil da estrada PO-548 en Valga, na que investirá 800.000€
30/03/2021 - 03:56
A Xunta abre a fase de información pública do proxecto da senda peonil da estrada PO-548 en Valga, na que investirá 800.000€

Valga, 30 de marzo de 2021.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, abriu na xornada de hoxe a fase de información pública do proxecto de mellora da seguridade viaria e fomento da mobilidade na estrada autonómica PO-548 ao seu paso polo Concello de Valga, consistente na creación dunha senda peonil e a súa continuidade nunha pista municipal na que se investirán 800.294€.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou o comezo desta tramitación, por espazo de trinta días hábiles, nunha visita á parroquia de Cordeiro, beneficiaria desta obra, xunto ao alcalde, José María Bello, e o xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez.

O proxecto detalla unha actuación centrada entre os puntos quilométricos 2+970 e 3+200 da PO-548 para a habilitación dunha senda peonil que, posteriormente, continuará a través dunha pista municipal ata o punto 3+910 coincidindo cun entronque e onde se completará este investimento ata alcanzar, 180 metros máis adiante, a igrexa parroquial de Santa Calumba de Cordeiro.

A senda peonil discorrerá pola marxe esquerda da estrada ata o cruce coa pista municipal que lle dará continuidade e precisará da instalación dunha pasarela metálica de grandes dimensións, de 21 metros de lonxitude por case 3 metros de anchura, sobre o río Louro.

Así mesmo, tamén se fará precisa a ampliación do paso sobre o citado caudal, polo que se ampliará a plataforma da calzada cun forxado de chapas metálicas sobre trabes e, finalmente, construiranse catro muros de contención co obxectivo de asentar e fixar o terreo cunhas condicións idóneas de seguridade. Todo elo quedará rematado con diversas obras de drenaxe e a instalación dun colector de augas para a rede de sumidoiros.

Para a execución desta actuación serán necesarias un total de 20 parcelas cunha superficie global de 5.079 m², dos cales 520 metros están en zona catalogada de dominio público. Segundo se recolle no documento, o valor dos ditos terreos, dos que se vai proceder á expropiación, estímase en máis de 30.000€.

O delegado territorial explicou que esta senda “é fundamental para mellorar a seguridade viaria nunha estrada moi transitada por vehículos e peóns e responde a unha demanda do Concello que vaise atender de xeito inmediato, xa que é moi necesaria en aras dunha óptima mobilidade”. Luis López explicou que, tan pronto como remate e se resolva o prazo de información pública, comezarase co proceso de contratación para adxudicar unha obra que ten un tempo de execución estimado de seis meses.