Inicio / Noticias / A Xunta abre a variante de Salgueiroas, no concello de Santa Comba
28/02/2020 - 13:26
A Xunta abre a variante de Salgueiroas, no concello de Santa Comba

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2020.- A Xunta de Galicia vén de poñer en servizo a Variante de Salgueiroas, en Santa Comba, tras rematar as obras que suman un investimento autonómico de 4,3 millóns de euros. Desde as 9 de mañá de hoxe os vehículos están xa a circular pola nova estrada entre Abuín e o Parque empresarial de Santa Comba.

Trátase da primeira fase do acondicionamento da estrada autonómica AC-406 (Portomouro con Santa Comba), e consiste nunha vía de novo trazado de 2 quilómetros de lonxitude, construída entre o parque empresarial e Abuín.

Constitúese así un trazado alternativo que evita o paso dos vehículos, moitos deles pesados, pola travesía do núcleo de Salgueiroas, o que permite mellorar a seguridade deste núcleo de poboación, propiciando ademais maior comodidade nos desprazamentos e unha redución nos tempos de percorrido.

A nova infraestrutura ten carrís de 3,5 metros de ancho, ademais das beiravías. Conta ademais con dúas interseccións, unha semiglorieta para conectar un núcleo de poboación coa variante e unha rotonda no punto final da actuación, que dá acceso ao parque empresarial de Santa Comba. Construíronse dous pasos inferiores e un viaduto, ademais de camiños de servizo para garantir os accesos existentes.