Inicio / Noticias / A Xunta achegará mañá ao CEIP Manuel Padín, de Soutomaior a campaña de seguridade viaria 'O corazón está do teu lado' para fomentar hábitos responsables nas estradas entre os escolares
14/10/2019 - 04:07

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2019.- A Xunta levará mañá a campaña ‘O corazón está do teu lado’ ao CEIP Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior co fin de fomentar hábitos responsables nas estradas entre os escolares.

Os rapaces de primaria do CEIP deste municipio pontevedrés xa contarán mañá coas unidades didácticas coas que traballarán ao longo do curso para sensibilizarse da relevancia da seguridade viaria e do respecto ás normas de circulación.

Esta iniciativa da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, en colaboración coa de Educación, levarase a cabo este curso en 20 novos colexios da comunidade, dándolle así continuidade a esta actividade formativa que se vén desenvolvendo nos últimos anos.

A campaña vai dirixida a nenos de 6 a 12 anos, prevéndose que entre o pasado curso e o presente sensibilice aos nenos duns 40 centros escolares.

Esta campaña comezaba este curso en setembro, estando xa en marcha nos CEIP de Rodeiro, Rubiáns de Vilagarcía de Arousa; Virxe da Saleta de Cea; Curros Enríquez de Celanova; Nosa Señora de Xuvencos, en Boborás, Montemogos de Bueu e Monte Baliño de Pantón. Nas vindeiras semanas a actividade realizarase nos seguintes colexios: Amor Ruibal, en Barro; O Ruxidoiro, en Barbadás; Padre Feijoo, en Allariz; O Coto, en Negreira; Alejandro Rodríguez Cadarso, en Noia; O Cruce, en Cerceda; Praia Xardín, en Boiro; Castro Verde; DR. López Suárez de Friol ou A Gándara, en Monforte de Lemos. Este programa, incluído dentro do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, ten como obxectivo explicar e ensinar aos máis cativos a marxe da estrada pola que deben camiñar, sempre pola esquerda, polo lado do corazón.

Os cativos, a través do material co que traballarán co profesorado, aprenden a importancia de empregar as sendas peonís, camiñar polo lado do corazón, cruzar nos pasos de peóns ou facerse ver o máximo posible ante os vehículos que circulan pola vía.

A campaña busca, en definitiva, que os máis novos se preocupen pola súa propia seguridade viaria e contribúan, deste xeito, tamén á seguridade dos demais.