Inicio / Noticias / A Xunta acondicionará paradas de autobús na estrada PO-400, no concello de Crecente
28/06/2022 - 05:18

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2022 A Xunta acondicionará paradas de autobús na estrada PO-400, no concello de Crecente. As obras, adxudicadas á empresa COVSA por máis de 48.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas.

 
Trátase da construción de dúas paradas de autobús en ambas as marxes da estrada PO-400, en torno ao punto quilométrico 25+230. O obxectivo é resolver a situación actual, pois non existe un espazo habilitado para que os autobuses paren, nin unha zona de circulación peonil segura, nin refuxio para os usuarios.
 
Nas zonas nas que se habilitarán as paradas de autobús será necesario aumentar a plataforma actual da estrada, con firme de aglomerado en quente. Así, instalaranse dúas marquesiñas con banco e apoio isquiático, cada unha nunha marxe da estrada, e habilitaranse zonas de circulación peonil que permitan acceder ás novas paradas.
 
Ademais, para manter a continuidade da rede de drenaxe na marxe esquerda, proxéctase a colocación dun colector de PVC de diámetro 315 mm baixo a senda de formigón prevista.
 
A Xunta continúa traballando para mellorar os servizos de transporte público co fin de facilitar a mobilidade dos cidadáns.