Inicio / Noticias / A Xunta adxudica a 2ª fase das obras de mellora do firme na estrada PO-400, en Crecente, co fin de inicialas o vindeiro mes
24/05/2019 - 12:59

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a 2ª fase das obras de mellora do firme na estrada Salvaterra- Filgueira (PO-400), ao seu paso por Crecente, co fin de inicialas o vindeiro mes.

Estes traballos, adxudicados á empresa OCA (Obras, Caminos y Asfaltos S.A.) por un importe de máis de 48.000 euros, terán un prazo de execución duns dous meses.

As citadas actuacións dan continuidade ás xa acometidas no pasado mes de novembro, que se centraron no arranxo doutros treitos da estrada, en Crecente, cun orzamento de preto de 50.000 euros.

As obras adxudicadas acondicionarán un tramo antigo desta vía autonómica, que dá acceso ao núcleo do Freixo. Este treito de máis de 600 metros de lonxitude facilita o acceso a vivendas, fincas e a outras vías municipais.

A intervención consistirá na extensión dunha nova capa de rodadura, realizando un bacheo previo para a regularización do firme e tamén se limparán as cunetas.

A Xunta impulsa estes traballos co obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas.