Inicio / Noticias / A Xunta adxudica en 609.800 euros as obras da senda peonil e ciclista que conectará A Pobra de San Xiao con Valdriz, en Láncara
07/08/2019 - 06:41

Lugo, 7 de agosto de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de construción da senda peonil e ciclista que unirá A Pobra de San Xiao coa urbanización de Valdriz, no municipio de Láncara, cun orzamento de 609.800 euros. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que, unha vez que se formalice o contrato, as obras contan cun prazo máximo de execución de oito meses, e subliñou que este proxecto servirá para conectar as beirarrúas que xa existen na travesía da Pobra co acceso á urbanización de Valdriz, habilitando un percorrido seguro para os peóns.

A senda terá en total 460 metros de lonxitude e executarase pola marxe esquerda da estrada LU-621. Os primeiros 400 metros construiranse en formigón coloreado cun ancho de 2 metros. Nos últimos metros atópase a ponte sobre o río Neira, que será ampliada mediante unha lousa de formigón.

Ademais ampliarase a plataforma da estrada, que pasará dos 5,5 metros actuais a 7 metros; mellorarase o trazado da vía na entrada á ponte, coa ampliación do radio da curva; e reformarase a intersección que existe no acceso á urbanización de Valdriz, construíndo unha glorieta neste punto para facilitar os xiros en condicións de seguridade.

As obras complementaranse coa construción das instalacións necesarias para garantir a drenaxe axeitada.