Inicio / Noticias / A Xunta adxudica o contrato de redacción do proxecto para a mellora da estrada AC-862 entre San Sadurniño e Ortigueira mediante un investimento de preto de 10 millóns de euros
26/07/2018 - 05:07

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2018.- A Xunta de Galicia vén de adxudicar o contrato para a redacción do proxecto de mellora da estrada AC-862 entre os concellos de San Sadurniño e Ortigueira, na que prevé investir preto de 10 millóns de euros.

A empresa adxudicataria do contrato, Typsa, dispón dun prazo de 18 meses para executar os traballos previstos, consistentes no deseño técnico da mellora da capacidade e seguridade da estrada AC-862, no treito entre a autovía Ferrol- Vilalba (AG-64) e Ponte Mera.

Esta actuación, cun orzamento duns 10 millóns de euros, está enmarcada no conxunto de proxectos a curto prazo nos que está a traballar a Xunta para mellorar as estradas que conectan as bisbarras de Ferrol, Eume, Ortegal e A Mariña Lucense.

No caso da estrada AC-862, trátase da mellora dos 27 km que unen a AC-862 desde o enlace coa Autovía Ferrol–Vilalba en San Sadurniño con Ponte Mera, en Ortigueira. Esta actuación, entre outras revisións, recollerá a rectificación de 13 curvas e incrementará en 6,5 quilómetros os terceiros carrís, aumentando a actual posibilidade de adiantamento seguro nun 120 %. En total, os terceiros carrís sumarán unha lonxitude de 12 quilómetros entre a AG-64 e Ponte Mera.

No marco destas actuacións máis inmediatas para a mellora das comunicacións nestas comarcas, a Xunta tamén está a traballar en proxectos como a mellora da estrada do Porto de Bares, cun orzamento de 1,3 millóns de euros, en plena execución; ou a adaptación da estrada de Valdoviño a Cedeira, mediante terceiros carrís e rectificación de curvas, unha actuación obxecto de conversas cos Concellos e os veciños.

Ademais, en relación coa vía de altas prestacións da Costa Norte, a Xunta está en proceso de adxudicación do contrato para a redacción do estudo informativo e de impacto ambiental e do proxecto de construción do treito entre San Sadurniño e Sanguiñeira, así como da nova ponte sobre a ría de Viveiro e a conexión da VAP coa estrada LU-540.