Inicio / Noticias / A Xunta adxudica as obras construción da pasarela e o itinerario peonil e ciclista entre Agrela e Marineda á UTE F. Gómez y Cía SL, Elaborados Metálicos Emesa S.L. por máis de 1,5 millóns de euros
30/12/2017 - 13:01

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2017.- A Xunta vén de adxudicar as obras de construción da pasarela e o itinerario peonil e ciclista entre Agrela e Marineda á UTE F. Gómez y Cía SL, Elaborados Metálicos Emesa S,L. Estas actuacións iniciaranse a principios do vindeiro ano e rematarán a finais de 2018 e investiranse máis de 1,5 millóns de euros, cofinaciados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80%, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Esta actuación que reforzará a seguridade viaria e mellorará a mobilidade peonil entre este polígono de Agrela e o centro comercial Marineda. Ademais, esta obra integrará a contorna e logrará conectar o parque empresarial con esta.

Realizarase nos primeiros metros da AC-552, desde o seu inicio na glorieta Eduardo Diz López ata o cruce coa rúa Newton. Construiranse unha pasarela elevada de uso peonil e ciclista, duns 200 metros de lonxitude, que comunicará ambas as dúas marxes da estrada e unha senda pola marxe dereita, de máis de 700 metros, que irá ata a parada de bus existente fronte ao centro comercial Marineda.

Desde o inicio da estrada ata a entrada á pasarela, a senda contará con plataforma diferenciada para a circulación de ciclistas e de peóns. No treito final, entre a pasarela e a parada de autobús, a senda compatibilizará o uso peonil e ciclista na mesma sección.

Plan de sendas na Coruña

Este itinerario está enmarcado no Plan de Sendas da Comarca da Coruña, que prevé a construción de 9 itinerarios, que suman 7 quilómetros e un investimento de máis de 5,5 millóns de euros.

No marco deste plan, hoxe tamén se licitou outro itinerario como o correspondente ás estradas AC-174, treito Montrove-As Pedreiras; e na AC-190, O Carballo-As Pedreiras, no Concello de Oleiros, que suporá un investimento de preto de 800.000 euros.

Estas actuacións son unha aposta da Xunta pola dotación de itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe que darán maior seguridade aos desprazamentos dos veciños.