Inicio / Noticias / A Xunta adxudica as obras da estación de autobuses intermodal de Vigo, cun investimento de máis de 12,5 millóns de euros
30/05/2019 - 13:16
A Xunta adxudica as obras da estación de autobuses intermodal de Vigo, cun investimento de máis de 12,5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudica as obras da nova estación de autobuses intermodal de Vigo, cun investimento de máis de 12,5 millóns de euros.

Este contrato, adxudicado á UTE Comsa, S.AU- Ogmios Proyecto S.L., inclúe a nova estación de autobuses e a parte dos accesos e dos túneles que chegan ata a mesma, e contan cun prazo de execución total de 18 meses, desde o seu inicio.

As actuacións enmárcanse no conxunto intermodal planificado en Urzáiz, composto pola estación de ferrocarril, o centro comercial, a nova terminal de autobuses e os accesos ao complexo.

A tramitación do proxecto fíxose ao abeiro da Lei 3/2016 para proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese e é o que permite licitar as obras da nova estación de autobuses e os accesos, así como o recente inicio da execución do Centro Vialia.

A Xunta, o Concello de Vigo e o Adif traballan coordinadamente no desenvolvemento da estación intermodal, que debe sincronizar a execución da terminal de autobuses coa do Centro Vialia e dos accesos, que financian conxuntamente as tres administracións.

A nova estación de autobuses intermodal conta ademais co co financiamento dos Fondos FEDER Galicia 2014- 2010.

A execución da estación de autobuses ao carón do centro Vialia e da estación de ferrocarril permitiralles aos usuarios o cambio de transporte dun xeito máis rápido e cómodo, a través dunha zona habilitada especialmente, adaptada para as persoas con mobilidade reducida.