Inicio / Noticias / A Xunta adxudica as obras da nova senda entre Alba e San Caetano, en Pontevedra
29/05/2020 - 14:51

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou hoxe as obras da nova senda peonil entre San Caetano e Alba, no concello de Pontevedra, e convocou aos propietarios dos terreos afectados para o pago dos depósitos previos á súa ocupación e formalización das actas para o vindeiro 15 de xullo.

Esta actuación de mellora da seguridade viaria e fomento da mobilidade sostible foi adxudicada á empresa Oresa, S.L. por 478.385 euros. Prevese que as obras comecen a finais do mes de xullo e o obxectivo é telas rematadas este mesmo ano.

A intervención centrarase na execución dun itinerario de 600 metros a ambas marxes da estrada autonómica PO-225, no treito que conecta os núcleos de Alba e San Caetano e dá acceso ás empresas situadas na zona. A zona da actuación coincide coa traza do Camiño de Santiago Portugués, polo que a construción desta senda permitirá a posta en valor de toda a súa contorna.

En concreto, pola marxe esquerda, a senda estenderase entre os puntos quilométricos 0+370 e o 0+940, e pola dereita, dende o 0+820 ao 0+910. Para acometer o itinerario rectificarase a curva que existe entre os puntos quilométricos 0+860 e 0+940, e reordenarase a intersección no punto 0+910, mellorando a seguridade na zona.

Este novo itinerario enmárcase no Plan de Sendas de Galicia na comarca de Pontevedra, cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020.