Inicio / Noticias / A Xunta adxudica as obras da nova senda peonil que conectará o albergue de peregrinos e o centro de Ordes
29/05/2020 - 05:27

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de execución dunha senda peonil entre o albergue de peregrinos de Poulo e o centro de Ordes.

Esta actuación, adxudicada á empresa Arias Infraestruturas S.A. por un investimento de case 510.000 euros, disporá dun prazo de execución de 6 meses.

A Xunta prevé convocar o levantamento de actas previas á ocupación o vindeiro 1 de xullo, polo que as obras poderán comezar a continuación.

Trátase da construción dunha senda peonil na marxe dereita da estrada autonómica AC-524, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0+500 e 2, dándolle continuidade ao itinerario xa existente.

Esta actuación ten como finalidade mellorar a seguridade viaria na zona, separando o tráfico peonil do tráfico rodado, e fomentar unha mobilidade máis segura, sustentable e respectuosa co medio ambiente.

O novo treito conectará coa pousada de peregrinos e permitirá unir outros focos de atracción como os centros educativos IES Nº1, o colexio Alfonso Rodríguez Castelao, os pavillóns polideportivos ou os locais comerciais.