Inicio / Noticias / A Xunta adxudica as obras de acondicionamento da estrada PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso por máis de 525.000 euros, coa previsión de comezar a executalas en setembro
15/07/2019 - 03:06

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, adxudicou hoxe as obras de acondicionamento destinadas a mellorar a seguridade viaria da estrada PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso por máis de 525.000 euros.

Os traballos correrán a cargo da empresa Marconsa, Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa S.L, que comezará a desenvolvelo, previsiblemente, no mes de setembro, cun prazo de execución de 8 meses.

Ademais, a Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de execución destas obras de mellora na estrada autonómica PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://xurl.es/tb3lz

Trátase de actuar nun treito de 2,16 quilómetros, o máis próximo á cidade de Pontevedra, que discorre polo Concello de Ponte Caldelas, desde o final da travesía de Ponte Caldelas, no punto quilométrico 0+420, ata a entrada da travesía de Laxoso, no punto quilométrico 2+580.

A intervención prevé a ampliación da calzada, que actualmente ten entre 5 e 5,5 metros, ata acadar un largo de 7 metros, así como rectificacións puntuais de trazado. Ademais executaranse cunetas de seguridade nos treitos nos que se precisen, aproximadamente nuns 1,6 quilómetros da estrada.

A mellora da seguridade viaria da estrada PO-234 foi dividida en tres fases. A primeira xa foi executada entre Aguasantas e Portasouto, no termo municipal de Cerdedo-Cotobade, onde o Concello conseguiu os terreos necesarios para actuación, entres que no caso de Ponte Caldelas foi necesario desenvolver un procedemento expropiatorio.