Inicio / Noticias / A Xunta adxudica as obras de estabilización dun noiro na estrada autonómica PO-244, ao seu paso pola parroquia de San Salvador, no concello de Soutomaior
22/05/2020 - 04:21

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de estabilización dun treito de noiro afectado por un desprendemento na estrada autonómica PO-244, ao seu paso pola parroquia de San Salvador, no concello de Soutomaior.

Esta intervención, adxudicada á empresa Audeca, S.L.U. por preto de 50.000 euros, ten un prazo de execución de 1 mes e comezará nas vindeiras semanas.

A actuación centrarase na estabilización do treito de noiro situado no punto quilométrico 8+050 desta vía, que afecta a un camiño forestal que discorre pola parte superior do noiro. Ese camiño forestal é utilizado, por exemplo, polos medios para extinción de lumes en caso de ser necesario.

Os traballos contratados inclúen a escavación da gabia de cimentación, a execución de cimentación e do muro con bloques de granito, acuñado e ripiado. As tarefas completaranse co recheo da parte traseira do muro con xabre.