Inicio / Noticias / A Xunta adxudica as obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-552, nos concellos de Nigrán e Baiona
13/07/2019 - 14:00

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2019.- A Xunta vén de adxudicar as obras de mellora de seguridade viaria na estrada PO-552, entre a glorieta de conexión coa AG-57 e Sabarís, nos Concellos de Nigrán e Baiona, cun investimento de máis de 318.000 euros.Esta intervención, adxudicada á empresa Construcciones Taboada y Ramos, ten un prazo de execución duns 6 meses.

Trátase dunha actuación que define a execución dos traballos de mellora da seguridade viaria e a eliminación dun treito cualificado como “punto negro” no tramo da estrada Vigo-Tui, comprendido entre os puntos quilométricos 10+740 e 13+440. Os traballos consistirán na mellora de interseccións nas que se produce unha maior parte dos accidentes neste tramo. Executaranse cambios de sentido e habilitaranse carrís centrais de espera para facilitar os xiros á esquerda nas interseccións que teñen suficiente visibilidade, e reordenaranse os xiros naquelas interseccións que non teñen a visibilidade necesaria para garantir os xiros nas desexables condicións de seguridade.

Máis en concreto, executarase unha semiglorieta na intersección do punto quilométrico 10+740, para facilitar os cambios de sentido, e unha nova glorieta no punto quilométrico 11+150, que se corresponde coa rúa Rans.

Tamén se mellorará a intersección existente no punto quilométrico 11+500 co camiño Carballal, coa execución dun carril central de espera e semiglorieta, e se reordenará a intersección coas rúas Cruceiro e Sarmiento, coa execución dun carril central de espera. Ademais executaranse tramos de beirarrúas complementarios á mellora das interseccións, reforzarase a sinalización dos pasos de peóns do tramo para facilitar a súa percepción. Instalaranse balizas entre os puntos quilométricos 13+180 e 13+440, para evitar o estacionamento indebido en varios accesos situados na marxe esquerda na Avenida Foz do Miñor, que reducen a súa visibilidade.

Cómpre destacar que a Xunta ten incorporado a este proxecto as achegas dos veciños desta contorna. Así, por exemplo, no outono, en paralelo a esta obra, se vai acometer unha mellora de seguridade para peóns na intersección da PO-552 co ramal da AG-57, de modo que se facilite o tránsito polas marxes da vía e se facilite o cruce.

Ademais, seguindo a petición dos veciños, a glorieta do punto quilométrico 12+350, na intersección coa rúa Valle Inclán, vaise axustar na súa execución para reducir a afección, de xeito que non interrompa o acceso ao Camiño das Barreiras. Estas obras están enmarcadas na estratexia da Xunta para ter eliminados en 2020 todos os treitos de concentración de accidentes nas vías autonómicas.