Inicio / Noticias / A Xunta adxudica as obras de mellora da seguridade viaria no contorno do parque empresarial da Pasaxe, en Gondomar
17/06/2020 - 13:23

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-331, no contorno do parque empresarial da Pasaxe.

Os traballos, adxudicados á empresa Covsa por un importe de máis de 352.000 euros, prevén o seu comezo o vindeiro mes de xullo.

A intervención nesta estrada autonómica que comunica O Porriño e Gondomar ten como obxectivo a eliminación dun treito de concentración de accidentes, entre o punto quilométrico 11+200 e o 14+600, que coincide na zona máis industrializada, e na zona un pouco máis rural que rodea e conforma os accesos á zona empresarial.

Entre as actuacións proxectadas están a execución dunha glorieta para facilitar os xiros e o acceso á zona empresarial na intersección entre a PO-331 e a AG-57 -a autoestrada do Val Miñor-, a reordenación do estacionamento e construción de beirarrúas ao longo dun treito duns 600 metros da estrada PO-331, para facilitar os desprazamentos a pé. Ademais, para reforzar a seguridade viaria, habilitarase un espazo central de separación entre carrís.

De xeito paralelo, mellorarase o acceso desde a PO-331 ao polígono, co reforzo do firme, nunha zona da estrada na zona máis rural. Ademais, prevese a mellora da seguridade nos pasos peonís, garantindo unha mellor visibilidade coa limitación de aparcamento nas súas proximidades e con iluminación axeitada.

Esta actuación non afectará á Zona de Vincios, onde a mellora da seguridade viaria se acometerá cando o Concello de Gondomar acade o consenso necesario cos veciños.

A intervención na PO-331, no contorno do parque empresarial da Pasaxe, enmárcase na estratexia para ter actuado nos 52 tramos de concentración de accidentes nas estradas de titularidade autonómica no horizonte deste ano.